xoves, 27 de abril de 2017

SCHINDLER' S LIST (A lista de Schindler)

Claqueta 8, toma 4... acción!!


Boas tardes!! Que tal foron as vacacións? Non é por darvos envexa pero eu estiven nelas ata fai tres días, jaja. Aínda así, xa hai que traballar, hoxe tráiovos un clásico imprescindible...


Esta película está baseada na historia real de Oskar Schindler, un empresario alemán (de orixe checa) membro do Partido Nazi que comeza a gañarse a amizade dos nacionalocialistas alemáns máis influentes do momento antes de que a situación en Cracovia (Polonia) empeore e, posteriormente, cando Polonia é invadida polo exército de Hitler, o protagonista abre unha fábrica de cacerolas coa axuda do xerente xudeu Itzhak Stern, onde emprega a estes xudeus como man de obra barata. Eles serán recluídos no Ghetto onde finalmente se producirá un exterminio. Os que non morreron nel foron levados ao campo de concentración e traballos forzados Płaszów onde a producción da fábrica continuou grazas á amizade que tiña Schindler con Amon Göth, o oficial das SS (corpos de combate de élite a favor do Terceiro Reich durante a II Guerra Mundial) e comandante dese campo de concentración. Cando finalmente quixeron levar aos seus traballadores a Auschwitz para exterminalos, el mercoulle 1.100 a Göth que levou en dous ferrocarriles ata a súa cidade natal (de Oskar) na antiga Checoslovaquia para reabrir a fábrica facéndoa esta vez de granadas. Tempo despois, Alemaña rendiuse, rematou a guerra e Schindler convirtiuse en fuxitivo. Que pasou entón cos xudeus da súa lista...? Comprobádeo vós mesmos!



Os personaxes destacados (por min😁) son...

Oskar Schindler (Liam Neeson) é un home ambicioso e aliado do Partido Nazi ao que poderiamos clasificar como unha especie de "espía" que se da conta do verdadeiro horror que están vivindo os xudeus e do asasinato masivo do que el mesmo está formando parte. Este home lembroume ao protagonista de Bailando con Lobos ou ao de El último samurái porque en parte é do mesmo xeito como simpatiza con outro pobo e como se da conta de que a violencia que os seus exercen contra os indefensos é un terrible holocausto do que os quere salvar aínda que para iso se teña que arriscar a si mesmo. 
Oskar Schindler (real-esq./actor-der.)
Itzhak Stern (Ben Kingsley) é o contable xudeu do que se axuda Schindler para crear a empresa e atopar persoas que queiran traballar nela. É un home sinxelo, humilde e moi intelixente.


Amon Göth (Christoph Waltz) é o malo malísimo. Por haber hai moitos malos nesta peli porque toda unha metade son asasinos e a outra asasinados así que hai moita violencia e unha das súas personificacións é este personaxe. O oficial nazi que controla o campo de concentración de Płaszów do que se fai "amigo" Schindler, feito grazas ao que consegue que os seus traballadores non vaian a Auschwitz.


Emily Schindler (Caroline Goodall) é a muller de Oskar, pero resulta ser máis comprensible e amable cos xudeus do que me esperaba.


Helen Hirsch (Embeth Davidtz) é a criada xudea que escolle Göth e da cal se acaba namorando ou sentindo atracción, algo moi pouco correcto debido ás leis severas que existían para prohibir as relacións humanas entre arios e xudeus. É unha muller loitadora e valente aínda que nalgúns momentos precise desafogarse e soltar os seus medos.


Sobre a situación histórica, a acción transcorre arredor dos anos 1940-1945, Polonia xa foi invadida polos exércitos de Hitler e o Terceiro Reich avanza cada vez máis anexionando territorios de fala alemá e semellantes. Os xudeus son encerrados nos Ghettos das cidades máis grandes e máis tarde levados a campos onde son escravizados e maltratados, ata que os atravesan cunha bala ou os queiman nas chemineas. Algo duro, si, pero certo. Se houbo persoas que o sufriron, tamén nós debemos coñecer a súa loita. Ao cabo duns poucos anos, Hitler e os seus seguidores acadaran o maior xenocidio da historia (11.000.000 de xudeus e outros grupos étnicos, sociais e ideolóxicos) ata os nosos días, ata que no 1945, concretamente o 30 de abril, o Führer suicídase e a partir de entón a situación alemá empeora, rematando o 7 de maio do mesmo ano coa  capitulación ou rendición de Alemaña. Acabou o pesadelo.


Como curiosidades atopei que a nena do abrigo vermello que sae nunha das escenas da cidade de Cracovia, existiu en realidade e hoxe en día é escritora. Publicou un libro no cal narra todos os seus recordos daqueles momentos tan sumamente traumáticos que viviu. 
Tamén atopei que a mansión real na cal viviu Amon Göth mentres controlou o campo de Płaszów está á venda actualmente pero leva moitos anos abandonada e ao parecer ninguén quere mercala, nin quererá.

                               
                                                                                                              
Este é un filme moi angustioso e violento, é difícil manter a vista fixa na pantalla nalgúns intres, pero cando remata (incluso co engadido do final) o primeiro que che fai pensar é "o que eles pasaron...", logo cuestiónaste o sentido da vida e da humanidade, a nosa forma de actuar os uns cos outros, a nosa bondade, a nosa maldade, como sentimos os seres humanos e como algúns de nós sinten ou sentiron un desexo tan forte de aniquilar tan fría e desconsideradamente aos seus iguais. E despois de chorar (no meu caso) ou non, pensas algo así como "mereceu a pena mirala", pero en realidade a pena non é polos xudeus polo feito de seren xudeus, a pena é pola humanidade, que se constrúe e se destrúe a si mesma continuamente sen ter en conta que é, aínda que diferente, toda ela igual.

E dela penso que é unha película fantástica, non polo contido triste e reflexivo propio de tódolos filmes da II Guerra Mundial, senón porque esas potentes imaxes en branco e negro, eses detalles de luz cando só imaxinas escuridade, esa sinceridade e esa forma de contar outra historia dos millóns que poderíamos atopar baixo o terror que aínda mora nalgunhas das persoas e familias que o sufriron todo fai menos dun século, son cousas que che deixan marca, son historias que calan na túa memoria, feitos que recordarás nuns anos cando estudes ou leas un libro concreto, e iso é o bo das historias, lembrarte delas e que perduren, polos seus protagonistas e por nós mesmos. 

Nota: 8.6

Desexo que vos guste. Anímadevos a vela e non esquezades que de todo se aprende, e dos erros, sexan nosos ou non, aínda máis. Confío en que poidamos loitar por unha humanidade menos xerárquica e bélica, máis unida. Fagámolo entón!!

Que teñades unha boa semana e ata a próxima!

Carla🎬





Ningún comentario:

Publicar un comentario